8/5/08

COMUNICADO SOBRE O APROVEITAMENTO LUDICO DOS NOSOS MONTES A RAIZ DO IMPACTO DO CAMPIONATO DE ESPAÑA FEMININO DE TRIAL NO MONTE XIABRE



ANTECEDENTES.
O sábado dia 3 de maio como resultado da visita ao monte Xiabre comprobouse a existencia de cintas vermellas marcando circuítos en zonas nas que se sitúan elementos que forman parte do inventario do patrimonio arqueolóxico de Galicia.
Un dos balizados mais visibles estaba situado á entrada do monte Xiabre polo pousadoiro, no primeiro cruce situado no comezo da falda do castro de a Gaiba no que se sitúan tres mámoas inventariadas coas referencias G 36060034, 35 e 38 .
Outro circuíto marcado situábase sobre o conxunto das Pedras Roibas nunha zona na que existen cinco mámoas catalogadas: GA3606002, GA36005029, 30, 31, 32.
As pedras roibas constitúe un conxunto singular de interese xeolóxico e paisaxístico altamente sensible; a orixinalidade da cor das pedra vai unida á composición das laxes con un grao facilmente desmenuzable. Sendo necesario ademais confirmar a situación das Pedras Roibas en relación coa mámoa Monte Fento 4 código GA3660002 folla 152-22 do plano do inventario.
O sábado día 3 ao mediodía ponse en coñecemento da Garda Civil de Caldas e da patrulla de garda da Policía Local de dito concello o feito de que algún tramo marcado do circuíto poida afectar a elementos catalogados ou ao seu entorno. Á Policía Local de servizo non lle consta a previsión do trial. Pola tarde confirman ter contactado con responsables do equipo de goberno e ter conseguido algún dato sobre os organizadores do evento. A última hora da tarde tamén se fai chegar á patrulla de garda do cuartel da Garda Civil de Caldas copia do plano 152-.22 da Consellería de Cultura no que aparecen os elementos inventariados da zona do pousadoiro e Xiabre xunto cos listados dos elementos inventariados dos concellos de Vilagarcía e Caldas de Reis.
Tratábase de que a través dos servizos de garda de organismos públicos con competencias legais en materia de defensa do patrimonio cultural e medioambiental dispoñibles un sábado se instase aos organizadores a facer correccións necesarias no circuíto de trial para evitar un impacto innecesario sobre elementos do patrimonio cultural, o entorno dos mesmos e elemento singulares con un indubidable valor medioambiental xeolóxico e paisaxístico.

OS FEITOS
A pesares de todos os avisos e advertencias, cando se poderían emendar erros, primou como as veces acontece, a prepotencia e a falta de sensibilidade.
O luns dia 5 puidemos comprobar que nos tramos discutibles non se fixeron modificacións, as motos discorreron por un tramo con mámoas á entrada do Xiabre, polo Pousadoiro e polas Pedras Roibas. Non só polo tramo que estaba sinalizado o sábado senón por outras laxes do conxunto. E dicir que ademais de non corrixir o impacto, a pegada das motos afectou a mais pedras das inicialmente previstas quedando confirmada a vulnerabilidade do conxunto coa rotura e desmenuzado de algunhas pedras.
Tampouco vimos sinalización algunha de prohibición ou protección para as mámoas situadas no entorno dos trazados do circuíto.

PROPOSTAS.
Insistimos na singularidade e valor xeolóxico e paisaxístico das Pedras Roibas, un dos elementos mas singulares do monte Xiabre xunto cos petróglifos da Laxe dos Bolos, o conxunto de unhas 27 laxes con petróglifos, o castro da Gaiba, as sobreiras no Picoto, Outeiro das Bestas e Outeiro Corvo.
Que independentemente da súa inclusión nun inventario concreto, a protección das Pedras Roibas e outros conxuntos pétreos tería amparo legal na lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade que recoñece o valor da xeodiversidade ou diversidade xeolóxica e tamén no Convenio Europeo da paisaxe que se publicou no boletín oficial do estado do día 5 de febreiro e entrou en vigor o 1 de marzo de 2008 .
Exercemos o dereito constitucional individual á preservación e goce do patrimonio cultural e medioambiental e o dereito colectivo a transmitir a xeracións futuras o patrimonio que nos legaron os nosos antepasados.
O monte, e o monte Xiabre en concreto, constitúe un espazo amplo capaz de compatibilizar usos forestais, gandeiros turísticos, lúdicos, e deportivos. Desgraciadamente xa conta con espazos dabondo degradados nos que a práctica de actividades como o trial non producirían mais impacto negativo.
Entendemos desafortunada a falta de prevención dos organizadores e a irresponsabilidade que leva a que un colectivo significativo de patrocinadores tan necesarios para facer posibles actividades deportivas tamén se vexa relacionado con actuacións e feitos cuestionables.
Os atractivos paisaxísticos de calquera parte do territorio do noso país son para poñelos en valor garantindo a súa integridade para goce dos veciños e para captar un turismo cultural en crecemento e non para deixar neles as pegadas das rodas e os motores das motos.
Poñemos os feitos en coñecemento da Consellería de Cultura a que lle corresponde a competencia en materia de patrimonio cultural, Consellería de Medio Rural como organismo con competencia para autorización de actividades no monte, dos concellos de Vilagarcía e Caldas de Reis os que a lei de patrimonio Cultural de Galicia tamén lles atribúe competencia na defensa do patrimonio. Damos traslado dos feitos a Subdelagación do Goberno como órgano da administración central a que lle corresponde o control do cumprimento do convenio sobre protección da paisaxe.
Tendo en conta que os campionatos e competicións de Trial se veñen realizando con certa regularidade no monte Xiabre consideramos urxente o deseño do circuíto axeitado que non interfira en elementos singulares do patrimonio cultural, medioambiental e xeolóxico o que se fai máis necesario polos achados recentes de elementos como os petróglifos e que aínda hai zonas de monte sen prospectar.
Propoñemos algún foro de encontro no que podamos tratar sobre o aproveitamento lúdico dos nosos montes contando cos particulares e comunidades propietarias dos mesmos e coa elaboración de proxectos concretos nos que participen administracións competentes e colectivos interesados.

Nota : este texto indicativo e aberto a calquera suxestión coa idea de que sexa subscrito polo menos polas asociacións que habitualmente coincidimos na realización de roteiros e outras que se apunten.

No hay comentarios:

Publicar un comentario